Proxecto

Proxecto

Facerlle fronte ao Trastorno do Déficit de Natureza

Descrición do Proxecto:
O noso proxecto pretende analizar a perda de contacto que as xeracións máis novas están a ter coa natureza, co traballo da terra, ca orixe dos alimentos, co xogo ao aire libre; é dicir, co seu entorno, en favor de estar a pasar máis tempo coas novas tecnoloxías illados en espazos cerrados. Nunha viaxe a través da bioloxía, xeoloxía, xeografía, historia, arte, inglés, educación para a saúde e economía, todas as tarefas foron deseñadas para preparar o alumnado cara a aprendizaxe autónoma, a desenvolver estratexias comunicativas, para mellorar a competencia lingüística en inglés, resolver problemas e tomar decisións con axilidade, cooperar ben en equipos e traballar as ferramentas dixitais.

O Trastorno do Déficit de Natureza (NDD –Nature Deficit Disorder), aínda que non é unha enfermidade con diagnóstico médico recoñecido, é unha enfermidade propia do estilo de vida actual, que será aínda máis virulenta nas próximas xeracións se non reaccionamos pronto. Este termo foi usado por primeira vez polo autor e xornalista norteamericano Richard Louv no seu libro Last Child in the Woods (traducido a español como Los últimos niños en el bosque) do ano 2005. O feito de non pasar tempo rodeado por natureza ten un gran impacto negativo no desenvolvemento cognitivo dun neno. Se os adultos pasan todo o día baixo a luz artificial dunha oficina e a única fonte de entretemento para os nenos e nenas é o uso da tecnoloxía, o resultado é claro: cada xeración será máis sedentaria e isto trae consigo problemas asociados tales como a obesidade, redución da capacidade de atención, irritabilidade, mal humor ou agresividade. O uso restrinxido de zonas verdes non afecta tan só á poboación urbana, senón que tamén afecta á xente que vive no rural, incluíndo zonas como as nosas nas que as principais fontes de ingresos son a gandería e a industria da restauración. O motivo é que as xeracións xoves de todo o mundo queren seguir un estilo de vida moderno, como sempre foi, pero hoxe esa “forma de vida moderna” está asociada ás redes de comunicación virtuais máis que a unha vida real e sostible.

Para facerlle fronte ao denominado “trastorno do déficit de natureza”, o alumnado pasará tempo fóra, ó aire libre. Van poñer a súa contorna no mapa, preparar o seu mapa e enriquecelo con lugares que descubran e cousas que lles gusten da zona onde viven. O alumnado desenvolverá un plan económico para converter a zona de Santa Comba nunha área algo máis atractiva e revitalizala como un destino de ecoturismo. Centraranse en 3 elementos principais: o río Xallas, a riqueza xeolóxica e o sector agropecuario.

Obxectivos específicos
● Explorar maneiras de traer a natureza de volta ás nosas vidas.
● Mirar con detalle ó noso redor.
● Amar o sitio onde vives.
● Amar as persoas coas que vives.
● Aprender dos nosos avós e avoas.
● Facerlle fronte a trastornos causados por un afastamento cara o medio ambiente e, en última instancia, por un afastamento do propio ser.
● Manterse en forma.

Clases
Como reaccionar:
1- Pasemos tempo fóra
2- Traballemos a terra cas nosas propias mans