KA229

KA229

Asociación de Intercambio Escolar dentro do programa Erasmus+ cofinanciado pola Unión Europea. O noso centro educativo, xunto con outros 5 socios europeos, elaborou un proxecto que conseguiu a financiación da Unión Europea para levalo a cabo durante o bienio 2018-2020.

A selección do alumnado solicitante realizarase tendo en conta os seguintes criterios:
1. Nivel que se está a cursar no ano académico 2018-19
2. Valoración de madurez e idoneidade
3. Nivel de idiomas
4. Expediente académico

1. Nivel que se está a cursar no ano académico 2018-19

O programa ofértaselle primeiramente ao alumnado que estuda 1º de Bacharelato e 4º ESO no curso 2018-19, por estaren na idade máis idónea para realizar un intercambio europeo e por seren alumnos e alumnas do IES Terra do Xallas durante os dous anos de duración do proxecto.
No caso de non cubrir o número de mobilidades solicitado co alumnado de 1º de Bacharelato e 4º ESO, o programa ofertaráselle ao alumnado de 3º ESO.
O alumnado que estea a cursar 2º de Bacharelato no ano 2018-19 non poderá participar no programa porque, en principio, non van formar parte do IES Terra do Xallas durante o segundo ano do mesmo. No entanto, si se lles ofrece a posibilidade de acoller alumnado sempre e cando o encontro en Santa Comba teña lugar antes de maio do 2019 e as necesidades de acollida así o requiran.
Cabe sinalar que o alumnado de 1º de Bacharelato é preferente ao de 4º de ESO para viaxar, por estaren cursando 2º Bacharelato no segundo ano de duración do proxecto. O alumnado de 4º ESO é, á súa vez, preferente con respecto ao alumnado de 3º ESO, tanto para entrar a participar no programa como para, unha vez dentro, escoller a mobilidade.

2. Valoración de madurez e idoneidade (60%)

O Equipo Directivo, xunto coa Orientadora e o/a Coordinador/a de Programas Europeos, valorarán o alumnado solicitante centrándose nos seguintes aspectos:
Respecto ás normas de convivencia do centro (1 punto-6%): valorarase negativamente o non cumprimento das normas básicas de convivencia recollidas no Capítulo 1 das Normas de Organización e Funcionamento.
Esforzo e compromiso (7 puntos-42%): o alumnado solicitante deberá mostrar en todo momento unha gran capacidade de esforzo e traballo tanto individual como e en equipo.
Madurez (2 puntos-12%): o Equipo Directivo xunto co/a Coordinador/a de Programas Europeos e a Orientadora valorarán o grao de madurez do/a alumno/a solicitante.

3. Valoración do nivel de idiomas (30%)

A lingua vehicular do proxecto é o inglés, polo tanto, o/a alumno/a solicitante deberá acreditar un nivel óptimo de expresión e comprensión na lingua inglesa que se verificará pola nota acadada na materia de Inglés como Primeira Lingua Estranxeira no curso anterior:
Nota 10: 10 puntos (30%)
Nota 9: 9 puntos (27%)
Nota 8: 8 puntos (24%)
Nota 7: 7 puntos (21%)
Nota 6: 6 puntos (18%)
Nota 5: 5 puntos (15%)
Nota inferior a 5: 0 puntos (0%)

4. Valoración académica (10%)

Terase en conta a nota media das materias cursadas con anterioridade:
Nota media entre 9-10: 10 puntos (10%)
Nota media entre 8-8,9: 8 puntos (8%)
Nota media entre 7-7,9: 6 puntos (6%)
Nota media entre 6-6,9: 4 puntos (4%)
Nota media entre 5-5,9: 2 puntos (2%)
Nota media inferior a 5: 0 puntos (0%)

• Motivos de exclusión

Incorrer nunha conducta contraria á convivencia do centro.
Non asistir ás reunións convocadas.
Non realizar os traballos programados.
Ausencia de compromiso co programa.
Calquera outro motivo debidamente xustificado por parte do Equipo Directivo e o/a Coordinador/a de Programas Europeos.

• Proceso de selección

O alumnado e profesorado do centro será informado dos prazos, novidades, características xerais e compromiso dos participantes nos proxectos destinados á mobilidade do alumnado. As canles de comunicación serán as seguintes:
Información directa e aberta por parte do Director durante as sesións lectivas
Correo electrónico (profesorado)
Páxina web do centro

Unha vez concedido o proxecto farase a selección dos/as candidatos/as tendo en conta os puntos 1, 2 e 3 deste documento.
O/A Coordinador/a de Programas Europeos supervisará as accións realizadas cos candidatos, asistencia a reunións, entrega de documentación en prazo e actividades previas.