Dato: As xeracións máis xoves sofren unha perda de contacto coa natureza. Xa non xogan fóra tanto como o facían os seus avós ou pais e nais. A perda de contacto coa natureza é causa de moitos efectos negativos: depresión, trastorno do déficit de atención, stress, falta de creatividade, perda de coñecemento sobre elementos da natureza, falta de estratexias de supervivencia, etc…

Actividade: O alumnado debe analizar por que se está perdendo contacto coa natureza xeración a xeración; que é o que se están perdendo eles hoxe? E por que?

Obxectivo: Recoller información que axude ao alumnado a ver a brecha que hai entre as xeracións con respecto ao contacto coa natureza.

Metodoloxía:
Elaborar un cuestionario que sirva de guía para entrevistar a avós, avoas, pais e nais.
Realizar as entrevistas individualmente. Gravar as entrevistas e filmar.

Resultados: Haberá dous resultados finais, un a nivel de cada país e outro a nivel internacional realizado en grupos formados por membros de todos os países socios.

PRODUCTO 1: Vídeo
Realizado por cada país: vídeo final con subtítulos en inglés xuntando as mellores partes de cada entrevista individual no que se mostre o progresivo déficit de natureza ó longo das tres xeracións.

PRODUCTO 2: Vídeo Draw my life
Realizado durante a mobilidade en Santa Comba por grupos transnacionais: vídeo “Draw my life” mostrando como adoitaban a pasar o tempo libre a xeración dos avós/avoas e a xeración dos pais e nais, comparándoo con como o pasa a nova xeración hoxe en día.

CUESTIONARIO (elaborado por todo o alumnado participante no programa Erasmus+ 2018-2020 do IES Terra do Xallas, 26 novembro 2018)

A continuación están as preguntas que sirven como guía para a entrevista:

Sobre o tempo libre
1 – Consideras que tiñas tempo libre cando eras neno/a?
– Que considerabas “traballo” e que “tempo libre”?
– Xogabas nese tempo libre? Inventabas xogos? Que tipo de xoguetes tiñas? Como os conseguías?

2 – Íaste bañar ó río con frecuencia? Que facías no río?

3 – Explorabas na natureza?
– Lastimábaste moito? Que facías para limpar e curar as feridas?

4 – A ti todas esas cousas que facías de neno/a para brincar, como… (menciona exemplos que che dixo anteriormente), gustaríache que eu as fixera ou daríache medo?

5 – Que era para ti “ir de festa”?
– Celebrabas os cumpreanos?
– Como quedabades?

6 – Cres que os nenos de agora estamos sobreprotexidos, que o noso ocio está demasiado dirixido?

7 – A ti os sons da natureza dinche algo? Por ex.: o ruído que fai o vento, o río, o canto dos paxaros, os insectos, etc… Teñen algún significado para ti?
– Aínda te fixas neles?
– Comías follas, raíces, herbas, etc…que agora xa non?

8 – Tes morriña de algo da túa infancia que pensas que eu agora me estou perdendo?

9 – Por que me estás continuamente dicindo: “estás sempre encerrada no cuarto”? (ou calquera outra frase que vos diga e estea relacionada).

10 – Sobre a escola
– Ías habitualmente á escola?
– Para ti ir á escola era un traballo ou era tempo libre?
– Había recreos?
– Había deberes?